O concello de Balboa abrirá un camiño valado con acceso aos prados
Balboa é un municipio do Bierzo que comparte os Ancares con Galicia. A súa poboación principal é vacúa: un milleiro de vacas por só 400 paisanos. Por iso, o seu alcalde, José Manuel G. Monteserín (PP), ten moi en conta aos animais nas súas iniciativas políticas. De momento non votan, pero dada a súa importancia demográfica, poderían solicitar calquera día destes o dereito de sufraxio. E por iso, o mesmo que outros rexedores prodíganse en acondicionar quilómetros de carril bici, Monteserín apostou por habilitar un carril vaca.
A idea é de sentido común: basta con observar a singular xeografía física e humana da zona, cos veciños repartidos entre 17 aldeas salpicadas polas montañas. O alcalde sabe que, cunha poboación envellecida, é pouco probable que aquí se organicen marchas cicloturistas para reclamar zonas de circulación para bicicletas e, postos a abrir pistas, os seus votantes estaríanlle máis agradecidos se puidesen dispor dun bonito camiño polo que levar con tranquilidade ás reses.
A medida aprobouse no pleno municipal e está orzada para a súa execución este ano. O proxecto, que suporá un investimento que rolda o millón e medio de euros, consiste en abrir un camiño valado con acceso aos prados que discorrerá en paralelo á estrada rural LE-723, nun tramo de aproximadamente cinco quilómetros entre Ambasmestas, no municipio de Veiga de Valcarce, e Balboa. O alcalde ve nesta idea a solución para resolver os problemas que supuña en tránsito de animais para a circulación de vehículos nunha estrada tan estreita, e pensa dar carpetazo así ao vello conflito entre condutores e gandeiros.
Monteserín é un rexedor singular. Gústalle dicir que é "alcalde pola cara", o cal, aínda dentro do respecto ao procedemento democrático, é certo. Nas eleccións municipais houbo empate e tiveron que botar unha moeda ao aire para desempatar por decisión xudicial. El elixiu cara.
Xunto á gandería, o turismo é o segundo alicerce da economía de Balboa. O municipio trata de sacar todo o partido ao seu patrimonio a través do proxecto Pallozas Vivas. O Concello rehabilitou unha destas construcións para convertela en bar e restaurante, que agora se explota en réxime de concesión. Os sábados ofrece cea-baile con música en vivo. En Balboa está tamén a Palloza de Chis, onde poden escoitarse concertos de música celta. Ademais, converteron algunha en establecemento de turismo rural.
Apostan pola palloza como elemento singular que pode atraer a visitantes e curiosos. Por iso, idearon un proxecto para promocionalas aproveitando o tirón do Xacobeo, iniciativa da Asociación Carozos e o municipio. A ocorrencia é nin máis nin menos que unha "palloza peregrina". A solución foi habilitar nun tráiler a montaxe dunha destas vivendas tradicionais, como fan as orquestras cos seus escenarios. Ao abrir o remolque, a palloza vese tal cal, sen que falte detalle: desde os útiles ata o lume. Así, subida nun camión, a palloza percorrerá o Camiño de Santiago en setembro, desde a Cruz de Ferro, na porta do Bierzo, ata Compostela.
"Pretendemos reivindicar a cultura rural ancaresa con representacións en cada escala da ruta, pero non queremos facer un belén, senón algo novo", explica Monteserín.
Ocorrencias non faltan neste recuncho berciano. A última foi "tunear o pavillón". Como a poboación é maior e escasean os nenos que lle dean un bo uso, acordaron converter o polideportivo en centro sociocultural multiusos. Cambiáronlle o nome pola Casa das Xentes e personalizárono para ese novo papel. Non usaron neones nin aleróns aerodinámicos, senón unha solución de tuning rústico: madeira de batea traída desde Serra de Outes. quedou ben, e verase como funciona nuns días, despois de que o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, corte a cinta inaugural.
No hay comentarios:
Publicar un comentario