A primavera móstranos a bioinvasión que se está a acrecentar en Galiza nos últimos anos. Detectáronse xa máis de 154 especies exóticas de carácter invasivo
Unha das especies máis daniñas é a acacia, que na súa variedade dealbata inza en numerosos terreos da provincia de Ourense. Nos últimos dez anos estase a multiplicar. No Morrazo, aacacia mearnsil duplicou en catro anos as zonas nas que apaga a posibilidade de calquera desenvolvemente servoforestal.
No concello de Dodro, provincia da Coruña a cortaderia selloana ou herba da pampa duplica xa a súa extensión.
Mimosas e a herba da Pampa
Se o eucalipto chegou a Galiza no século XIX, apuntando todos os datos a que foi Frai Rosendo Salvado o que no ano 1863 o trouxo dende Australia, non hai ningunha personaxe concreta a que acusar da implantación da acacia, a especie foránea máis invasora dos últimos tempos. Coa primavera é observábel en extensións de terreo que medran ano a ano, no Baixo Miño, Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra, onde a variedade dealbata, utilizada polos viticultores para os atados da vide, secan toda a flora autóctona ao seu arredor.
A preocupación xa lle chegou aos responsábeis medioambientais dalgúns concellos. Só na reserva da biosfera de Allariz hai setenta hectáreas de mimosa. O concelleiro de medio ambiente, Bernardo Varela, solicitou a colaboración da Universidade de Vigo para acadar o seu control, dado que segundo puideron observar segrega sustancias que interfiren no desenrolo de especies autóctonas.
No Morrazo, a variedade mearnsil, duplicou en apenas catro anos a superficie de monte no que se estende.
Para o biólogo, Xurxo Mouriño, esta especie é unha das cen máis invasoras. Ocupa na actualidade boa parte dos montes de Darbo e Coiro, no concello de Cangas.
Neste caso son os veciños os máis interesados na súa erradicación, xa que compite directamente co eucalipto e o piñeiro.
Hai pouco foron descubertas, en espazos protexidos, amplas plantacións da “herba da Pampa”. Outro arbusto invasor que xa está eliminado contornos de especies autóctonas, en Ons e na Costa Artabra. No parque de Corrubedo, chegouse a erradicar pero segundo Xurxo Mouriño, “tamén hai que arrancar as raíces, senón inza e volvería a renacer, xa que é moi expansiva”. Está concentrada especialmente no lugar de Dexo, no concello de Dodro.
Kiwi, alquexenxe e maracuiás.
A implantación de especies hortofrutícolas de lugares exóticos, controladas e con boas canles de distribución pode ser unha fonte de ingresos económicos.
O kiwi é orixinario de Zhejian, na China. En 1962, Xosé Fernández López, fundador de Zeltia, tróuxoo a Galiza. Fixéronse as primeiras plantacións, con carácter experimental, en Gondomar no ano 1969. A bondade do clima do Baixo Miño, especialmente nos concellos de O Rosal e Tomiño, foi unha causa directa para que as plantacións de kiwis se incrementasen, nesta zona, na década dos oitenta. Actualmente Galiza é a primeira produtora de todo o Estado Español, tendo máis de cincocentas hectáreas de plantacións. Isto supón un total de seis mil cincocentas toneladas anuais. Cabe aínda moita marxe de produción, xa que o kiwi autóctono apenas chega para cubrir a décima parte do consumo.
A firma Kiwi Atlántico, buscando novas posibilidades, plantou unha variedade amarela, coñecida coma Jin-Tao. É máis doce e ten como destinatarios específicos os nenos. A superficie adicada a esta variedade ronda as trinta hectáreas e sitúase no lugar de Burgueira, no concello de Oia.
As posibilidades do kiwi non acaban no consumo directo. A Estación de viticultura e enoloxía de Galicia está experimentando unha mestura co bagazo de uva, para elaborar novas aguardentes.
O alquexenxe, pasou anos atrás de ser un produto practicamente descoñecido en toda Galiza, a ser habitual das “vendedoras do rianxo” nas prazas da costa galega.
Máis que para o consumo directo, xa que ten un sabor un tanto amargo, está destinado ao uso industrial en confeitarías e pastelerías. Toda a franxa atlántica acomódase máis que perfectamente á necesidade climática de este froito. A súa explotación industrial aínda esta nos inicios. O arbusto é orixinario da India oriental.
No Rosal, e máis alá do mirabel de procedencia francesa, xa co cultivo asentado, estanse realizando plantacións con bos resultados de maracuiá e melão, unha variedade de menor tamaño, amarela intensa e cun sabor máis tropical.
lunes, 5 de abril de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
¡Mimosas!¡Hay veces que no hay que dejarse engañar por la belleza!
ResponderEliminar