La Voz 22/4/2010
O goberno municipal do Courel estuda posibles actuacións que poidan ser financiadas cunha axuda económica -aínda sen determinar- que recibirá o Concello mercé a un convenio entre o Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta para realizar melloras nas zonas incluídas na Red Natura. Estas axudas están contempladas nun programa que se desenvolverá desde este ano ata o 2013.
A alcaldesa do Courel, Lola Castro, sinala que as actuacións que se financien con estas axudas poderían consistir no condicionamento de rutas de sendeirismo e melloras nalgúns núcleos. «Estamos a valorar diversas iniciativas que se poderían levar a cabo, pero aínda non está nada decidido porque aínda non sabemos con certeza a canto podería ascender a subvención», explicou a este respecto.
A asociación ecoloxista SOS Courel, que asegura ser consultada recentemente por técnicos da Xunta sobre posibles actuacións que poderían realizarse na zona dentro deste proxecto, considera pola súa banda que a iniciativa debería ser máis divulgada entre os veciños da zona. «De ser certo este plano ou proxecto estase a fallar, unha vez máis, de raíz, ao non sometelo como é obrigatorio á participación do público interesado (asociacións e veciños), tal e como obriga a lexislación do Estado e europea en planos e proxectos que teñen que ver co medio ambiente», din a este respecto desde o colectivo ambientalista.
jueves, 22 de abril de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario