
«O teitador só podíame vir dous días, así que me fixei en como o facía e logo seguín eu mesmo», recorda. Nun esforzo autodidacta, Chis pasou de aprendiz a mestre «botando unha man a algúns veciños», di, e techando a palloza de nova construción que levantou xunto ao hórreo, onde rexenta un bar-concerto.
Non se imaxinaba entón que comezaba un oficio que hoxe lle leva a viaxar pola Prehistoria de Galicia: na Citania de Santa Trega (A Guarda), no Monte do Castro (Vigo); e en Campo Lameiro (Pontevedra), a capital galega da arte rupestre, o teitador ancarés deixou a súa firma pondo cuberta ás pallozas que recrean construcións da época.
Arte e léxico en extinción
«Dos mollos fanse colmos e vanse colocando en tiras [filas verticais de colmos superpuestos que se atan á estrutura da palloza]. As distintas tiras de colmos átanse entre si cos bincallos, que se obteñen do mesmo colmo»: o teitador matiza que os mollos son feixes de palla de centeo con gran, que hai que limpar e sacarlles a brea.

O teito de palla dura uns dez anos dependendo do espesor dos colmos, que adoitan ser de 40 ou 50 centímetros, explica o teitador, e as reparacións fanse por zonas: «Quítanse os colmos vellos e colócanse os novos, como pondo parches».
Outrora sementábase centeo por todas as partes, pero hoxe a palla para teitar chega principalmente de Astorga. «Hai que encargala e non se consegue fóra de tempada», di Chis, que explica que coa mecanización da herba cortada fanse pacas e non se malla, polo que resulta difícil conseguir palla para teitos e a que chega vén en bruto.

Nas pallozas de Campo Lameiro, construídas con adobe, a Chis encargáronlle cubertas de xestas. «Poden verse nos teitos de Asturies», di, mentres explica que as xestas son da contorna de Balboa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario