Teófilo Edicións compila nun libro as reportaxes que en 1968 publicou Enrique de Arce para denunciar o illamento e o abandono no que vivía o pobo dos Ancares
O xornalista e escritor Enrique de Arce presentou onte en Santiago o seu último libro, ‘Os Ancares, a serra esquecida', no que aborda o illamento que sufrían as aldeas da Montaña a mediados do século pasado por culpa da súa localización xeográfica e polas malas vías de comunicación existentes por aquela época na zona.
"O xabaril empurra e lanza berros arrepiantes, quere proseguir a fuxida ao sentir coma o sangue se lle vai a esgalla, pero a efixie humana de tres corpos apértao fortemente coas puntas de ferro contra o chan. Xa non se pode mover, só pode berrar, e os seus agudos berros estarrecen aos cazadores, mais estes non soltan a presa, seguen fincando cos chuzos á besta contra a neve ata que, exsangüe, sen forzas e coas venas valeiras, o valente porco bravo morre sobre a xélida superficie tixinda de sangue e coa neve removida polos movementos bárbaros da liorta".
O chuzo, unha lanza rudimentaria de madeira e con pico de ferro, utilizouse na caza do xabaril, na serra dos Ancares, até ben entrado o século XX. Así llelo relataban, en 1968, Perdigón e Domingo, dous homes de Piornedo, ao xornalista Enrique de Arce.
De Arce describe neste libro a situación marxinal que vivían por entón os habitantes desta zona, nun intento, segundo o propio autor, de retratar a realidade vivida por unha serra «tantas veces esquecida» co ánimo de «rescatar» aquel momento histórico «para as xeracións presentes e futuras».