Reserva da Biosfera da Unesco, (LIC) Lugar de Interese da Unión Europea, (ZEPA) Zona de Especial Protección das Aves, Rede Natura 2000, Zona Protección do Urso (Oso Pardo), ZEPVN Zona Especial Protección dos valois naturais, Reserva Nacional de Caza....

¿CANDO O PARQUE NATURAL?

lunes, 5 de julio de 2010

Voando como as aguias sobre os picos dos Ancares

Os parapentes emulan o voo das rapaces aproveitando as correntes de aire para subir a un ceo con vistas á Cordilleira Cantábrica


Ao longo de dúas décadas os afeccionados ao parapente fixeron do miradoiro de Balouta, no Porto dos Ancares, un punto de despegamento mítico para emprender un dos voos máis fermosos e complicados da orografía galega. «As vistas da Cordilleira Cantábrica desde esta zona son espectaculares, pero as condicións orográficas de montaña fan que se trate dun voo técnico e máis turbulento do habitual. Os elevados contrastes de temperatura entre as zonas altas e baixas provocan correntes violentas e o vento se encañona polos vales pechados», afirma Alberto Corral , do Club Voo Libre Bierzo, cuxos pilotos o mes pasado despregaron as súas velas no ceo dos Ancares, coas últimas neves da tempada aínda coroando os cumes.

Desde o Miradoiro de Balouta, a unha cota de 1.600 metros, os paxaros coloridos de rip-stop (unha tea sofisiticada que aúna lixeireza e resistencia, pero sobre todo deseñada para deter eventuais rachos) despegan pola cara leonesa do pico Miravalles, no extremo norte da serra dos Ancares, xusto onde se atopan os concellos de Ibias, Bierzo e Navia de Suarna.

Unha vez no aire, narra Alberto Corral , os parapentes emulan o voo das rapaces: «Intentamos planear, perdendo a menor altura posible á espera de que se forme unha térmica, e, como as aguias ou os voitres, seguímola para subir todo o máis alto, ata onde o permitan as condicións da zona e a climatoloxía». As térmicas son correntes de aire ascendente, alecciona o piloto berciano, que formanse pola diferenza de temperatura entre as zonas altas frías e o fondo dos vales, que acumulan calor: «é un fenómeno similar ao dunha pota que rompe a ferver. Cando o chan non pode reter a calor, o solta cara arriba en forma de burbullas de aire».

Paxaros de tea que desafían aos ventos

As correntes térmicas son ao parapente o que as ondas ao surf. Como cunha onda de 20 metros, o piloto soña cunha térmica mítica que o eleve algúns miles de metros de altura e o desnivel de ascenso conseguido dá unha boa medida do éxito do voo. Esta primavera os parapentes do Voo Libre Bierzo asucaron o ceo dos Ancares a 2.500 metros.

«Se o tempo é bo, poderiamos superar os 3.000 metros, en Castela é habitual chegar aos 4.000 e na Península hai zonas onde se poden alcanzar os 6.000», afirma Alberto Corral , para quen o principal atractivo do parapente é «a sensación de liberdade que produce voar como os paxaros».

Case como os paxaros, ou polo menos iso entende un espectador inexperto, para quen os parapentes parecen vendidos ao capricho das correntes. Se estas non chegan, o piloto tras o despegamento irá inevitablemente perdendo altura ata tocar terra no fondo do val.

Por iso, a maior dificultade para o parapente nos Ancares, máis que as correntes violentas e as turbulencias, é a falta de espazo para aterrar. A estreiteza dos vales, a abundancia de vexetación e a escaseza de pastos son o principal inimigo dos valentes paxaros de rip-stop que cun retrinco de tea botan un pulso aos ventos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario